O ex-xefe de bombeiros de Compostela presume de colección de vehículos históricos

Césareo Rey Noya (1945) nace en Portomouro, onde pasa a súa infancia e adolescencia. Emigra a Barcelona nos anos sesenta e despois comeza unha etapa como camioneiro con rutas por Italia e Inglaterra.

Cesáreo Rey foi o xefe de bombeiros de Compostela durante 26 anos. Tivo un papel fundamental na formación dos primeiros voluntarios de Protección Civil e traballou para o Concello de Santiago durante 36 anos.

Entrevistámolo no lugar onde agora se sinte máis a gusto: o seu garaxe. Un espazo dedicado á maxia dos vehículos históricos e á minuciosa arte da restauración. Cesáreo móvese entre a Vespa, o Mini, a Montesa ou a Sanglas cunha habilidade envexosa ao tempo que relata a súa historia vital.

Dos seus anos no Corpo de Bombeiros di que foron “unha experiencia marabillosa”, pero insiste en que se trata dun traballo moi estresante e con “moitísima responsabilidade”. Daquel tempo recorda a falta de material e persoal. Por unha banda, só había parques de bombeiros nas sete grandes cidades, o que significaba viaxar ata Melide, Vilagarcía ou Santa Comba a atender unha emerxencia dende o parque compostelán.

En canto aos equipos, relata a súa precariedade, especialmente no relacionado coa protección respiratoria, o que provocaba que tusiran “negro durante un mes”. A partir do 1982 a situación cambia coa incorporación de novos compañeiros e a renovación do material. O que máis bota de menos é a sensación de ser “unha familia” cos compañeiros de traballo, aínda que admite tamén terlle cariño ás sirenas. Esta última “manía” compénsaa incorporando bucinas e sirenas nos coches que restaura.

Os seus coñecementos de mecánica foinos adquirindo dende Portomouro ata as rutas en camión por Europa, mais foi precisamente nos bombeiros onde comezou a interesarse pola restauración de vehículos históricos. Iníciase neste hobbie cos seus compañeiros do corpo restaurando un camión de bombeiros mercado polo concello no 1925. Daquela era unha maneira de evadirse, nas súas palabras unha “válvula de escape”. Agora, xa xubilado, afirma rotundamente que esta afección dálle “moitísima vida” e permítelle ser “creativo”. Unha maneira de calmar o seu “espírito inquedo” que pulula entre as motos e coches mostrando os ruídos, detalles e segredos das súas xoias.

Na súa cara vese o orgullo e a dedicación dun home meticuloso e coidadoso que verdadeiramente demostra paixón pola restauración. “Non teño os coches tapados porque quero velos todos os días”, di demostrando a satisfacción que lle brinda “resucitar” uns cachos de ferro e conseguir “darlle ao pedal e que encenda”.

De primeiras, Cesáreo resístese a contestar cal é o vehículo ao que lle ten máis cariño, coma un neno que non pode decidir entre mamá ou papá, pero os seus ollos delatan un favoritismo cara o Citröen 5 cabalos que el mesmo acaba admitindo. Trátase dun  proxecto moi persoal para o que tivo que pedir os planos a Citröen e rematou sendo un auténtico “quebracabezas”.

Os coches modernos non convencen a Cesáreo porque ademais de non entender todos os aparellos electrónicos, opina que “son feísimos”. Hoxe segue usando habitualmente un coche que ten 23 anos. O tema senténciao afirmando que non se lle ocorrería cambiar “unha tarde de domingo” en calquera dos seus coches por un Ferrari. Pese a isto recoñece que o internet é “unha pasada” e que as pezas dos coches son moito máis fáciles de buscar e a moito mellor prezo.

O ex-xefe de bombeiros é un home humilde e próximo. Unha persoa meticulosa que trata todo con exquisito coidado. Nas súas palabras, un “cantante e mecánico frustrado” digno de admiración polos seus anos de servizo público e a súa constancia.

Rostros de Compostela; Artigo – Entrevista feita por Carmen Villaverde.