O concello de Trazo levou a cabo unha campaña de promoción turística coa presenza dos blogguers Eva Abal e Dani Keral.

O Goberno local aposta por posicionar o concello como un destino de turismo de natureza e patrimonio dentro do seu programa “Trazo: Porta Norte de Compostela”. Esta iniciativa xorde nun momento clave para reactivar a hostalería e os negocios turísticos locais logo do impacto que sufriron pola pandemia que estamos a vivir.

Eva Abal visitou máis de 60 países (Namibia, Chile, Irán, Tailandia, India…) e participou en campañas para empresas como Air Tahiti ou organismos públicos como Turismo de Gijón. O seu blog unaideaunviaje.com é unha referencia e sitúase entre os máis consultados polos visitantes da nosa comunidade. Actualmente colabora no programa “Quen anda aí?” da TVG cun espazo adicado a narrar as historias das súas viaxes.

Dani Keral leva en activo dende o ano 2015 co seu blog unviajecreativo.com.  É colaborador da prestixiosa revista de viaxes Condé Nast Traveller. Foi presentador do podcast de viaxes” el vuelo sonoro” en radio viajera. O seu blog está centrado en viaxes arredor do mundo e focaliza a súa escritura en temáticas como a etnografía ou a arte.

Os blogguers percorreron o concello tracense durante dous días e compartiron as visitas a lugares de interese a través das súas contas nas redes sociais obtendo miles de visualizacións e interaccións de persoas interesadas en coñecer os atractivos turísticos deste concello. A carballeira de Chaián, a igrexa de Restande coa súa espadana rodeada dun balcón de granito ou a a cova dos mouros de Monzo foron algúns dos escenarios desta campaña denominada #trazoaTrazo. No mes de xuño saíran publicados os artigos elaborados por estes blogguers recompilando os tesouros de Trazo e que servirán para posicionar o concello como un destino turístico ás portas de Santiago de Compostela.